quinta-feira, 16 de abril de 2009

Galicia, unha nación sen estado?

Que é unha nación?, que é un estado?, pode existir unha nación sen estado?, e un estado sen nación?. Neste pequeno comentario achegaremonos a estes dous conceptos, -nación e estado-, e súa relación co caso galego, vai ti saber se Galicia é unha nación, e nós sen sabelo...

Sen saber exactamente porqué, a maior parte da persoas pensan que nación, estado e país son palabras que definen unha mesma idea, para eles ¿que dúbida hai de que Francia sexa unha nación, un estado e un país?, sen embargo, poderíamos dicir o mesmo do Reino Unido?, evidentemente non, o Reino Unido é un estado si, pero conformado por diversas nacións (principalmente Inglaterra, Escocia e o País de Gales) que se recoñecen entre elas como tal, ata tal punto de que non é dificil ver xogar á selección de futbol de Inglaterra contra a de Escocia. Como vemos, un estado pode estar conformado pacíficamente por diversas nacións, e coma neste caso ser unha potencia mundial.

Pero.. pode incluso unha nación estar formada por diversos estados?, a resposta rotundamente é si. Un dos casos mais coñecidos é o dos EUA -Estados Unidos de América para os non avantaxados-, unha nación composta por máis de 50 estados. Quen non escoitou falar algunha vez dos estados de Texas, Misisipi ou California? (o que fai o cine..), ben, obviamente Texas ou California non son nacións, pero si estados. É dicir, un estado non é necesariamente unha nación.

E continuando no continente américano, atopámonos coa seguinte reflexión, pode unha nación estar repartida entre varios estados?, de novo a resposta é afirmativa. Por exemplo, a nación cherokee formada actualmente por 300.000 persoas (xa vos imaxinades que a cifra era "sensiblemente" maior antes da chegada do home branco), está actualmente dividida en 2 estados americanos; Oklahoma e Carolina do Norte. Pero sen ir tan lonxe, temos á nación kurda, da que forman parte máis de 25 millóns de persoas, o seu país xeográfico -o Kurdistán-, está actualmente repartido entre 3 estados independentes; Turquía, Iraq e Siria. Podemos afirmar rotundamente que unha nación pode estar repartida en varios estados, e así pois, carecer dun estado propio.

As conclusións son interesantes, e poñen de relevancia que os termos nación e estado son ben diferentes, e a súa relación varia enormemente ao longo de todo o mundo. Pero..alto, que ten que ver todo isto con Galicia?, moito máis do que cremos, como veremos de contado.

Repasemos que é unha nación:

Segundo a Real Academia Española, Nación: "Conjunto de personas de un mismo origen y que generalmente hablan un mismo idioma y tienen una tradición común".

Segundo un común Dicionário da Língua Portuguesa, Nação: "Conjunto de indivíduos ligados pela mesma língua e por tradições, interesses e aspirações comuns; povo".

Segundo o Cambridge Dictionary, Nation: "a country, especially when thought of as a large group of people living in one area with their own government, language, traditions, etc."

Finalmente, segundo a Real Academia Galega, Nación: "Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa".

Sometamos o caso de Galicia a estas definicións.

1. Fomos capaces os galegos de crear unha lingua propia e diferente?. Si.
2. O pobo galego ten unha orixe e tradicións comúns?. Si.
3. A xente de Galicia comparte un mesmo territorio e uns mesmos intereses económicos? Si.
4. Caracterízase por ter unha historia e cultura común?. Si

Logo, queda claro que Galicia -o pobo galego-, é unha nación a todos os efectos.

Se cadra todo isto tivo algo que ver para que no ano 1933 a Liga das Nacións recoñecera a Galicia como unha nación, non?, pois vai ser que si.


Sen embargo, que hai do termo "estado"?, recurramos axiña ao diccionario da Real Academia Española.
Estado. 5.- "Conjunto de los órganos de gobierno de un país soberano."

Actualmente Galicia non conta cos órganos de goberno dun país soberano -principalmente porque non é un país soberano nin independente-, é dicir, Galicia carece de estado, -ou dito doutra forma-, Galicia é unha nación, sen estado.

O caso de Galicia -o noso caso-, non é nin moito menos único, e nin moito menos raro, existen outras moitas nacións sen estado na mesma Europa -sen irnos tan lonxe-, Escocia, Flandes (Bélxica), Bretaña, País de Gales, etc.. son outras nacións que como Galicia, carecen de estado na actualidade.

Deixovos unha web cun mapa interactivo moi interesante, onde podemos apreciar a magnitude dalgunhas nacións sen estado en Europa, e na que obviamente estamos nós tamén.

http://www.eurominority.eu/version/eng/minority-map.asp





1 comentário:

  1. Saudos, non puiden abri- lo enlace cos mapas. Non me quedou claro, somos un país e mais unha nación, o que non estamos e constituidos como estado, nonsi?

    ResponderEliminar